Sunday 08 de September de 2024

San Sadurniño sortea a composición das mesas electorais das Europeas


No pleno extraordinario celebrado este mediodía tamén se aprobou por unanimidade a modificación orzamentaria para acomodar a rehabilitación da galería do pazo

O domingo 9 de xuño volve haber eleccións, desta vez para escoller os 61 escanos que lle corresponden a España no Parlamento Europeo. As 2.875 persoas que figuran no Censo de San Sadurniño -residentes, residentes ausentes e residentes doutros países da UE- poderán elixir entre un total de 38 candidaturas que se presentan na circunscrición única de todo o Estado. Un dos procedementos comúns a todas as eleccións é o sorteo da composición das mesas, algo que o noso Concello levou a cabo nun pleno extraordinario celebrado este mediodía que tamén incluíu a votación dunha modificación orzamentaria, aprobada por unanimidade.

A modificación consistiu na incorporación ao orzamento dunha partida específica de 200.000 euros destinados á rehabilitación da galería da Casa do Concello, xa en marcha. O acordo, que contou co voto favorable de todas as concelleiras e concelleiros presentes na sesión, foi un simple trámite para acomodar no orzamento este investimento, que se financiará cos remanentes líquidos de tesouraría cos que pechou 2023.

Tal e como figura no informe previo elaborado pola Intervención municipal, as contas municipais contan con recursos abondos para afrontar o gasto, posto que o importe deducido da liquidación do exercicio 2023 ascendeu a un total de 526.531,13 euros.

Agora, unha vez aprobada a modificación orzamentaria polo Pleno, o acordo exporase ao público por un período de 15 días. Superado este tempo sen alegacións, quedará aprobado automaticamente.

O outro grande asunto do pleno foi a votación da composición das seis mesas electorais coas que contará San Sadurniño para as Eleccións ao Parlamento Europeo do domingo 9 de xuño. Son as mesmas que houbo para as pasadas Autonómicas: San Sadurniño, Santa Mariña, Lamas, Bardaos, Naraío e, como novidade, a mesa da antiga escola indiana da Leiriña onde votaron -e volverán votar- as electoras e electores de Ferreira e Igrexafeita.

O pleno deste mediodía, malia ser público, non se emitiu ao vivo por causa do sorteo e da obriga de preservar os datos de carácter persoal das persoas designadas para a presidencia e as vogalías das mesas, ademais das súas suplentes. Segundo establece a normativa electoral, estas designacións seranlles comunicadas ás interesadas e intresados no prazo máximo de tres días trala celebración do sorteo.

No Censo electoral de San Sadurniño -composto por residentes, residentes ausentes e persoas doutros países da UE que están empadroadas aquí- aparecen un total de 2.875 persoas con dereito a voto. Poderán elixir entre 38 papeletas distintas, tantas como candidaturas que, no caso destas eleccións, son as mesmas en todo o Estado Español.

Para obter máis información sobre os prazos, a solicitude de voto por correo ou para consultar a mesa que nos corresponde (con certificado dixital), pode acudirse á web do INE.